CLUB DE LECTURA
AS SEMENTIÑAS
No segundo trimestre botou a andar na nosa biblioteca unha nova aventura lectora: o Club de Lectura “As Sementiñas”.
E, por que ese nome?
Porque unha semente precisa coidado, tempo e atención para agromar. Hai que plantala nunha boa terra, regala con constancia e darlle luz para que medre forte. Coa lectura pasa o mesmo: o gusto polos libros non nace sempre de maneira espontánea, senón que cómpre acompañalo, compartilo e alimentalo pouco a pouco. Cada historia que lemos é coma unha pinga de auga; cada conversa sobre un libro é un raio de sol. Así, entre todos e todas, imos facendo que esperte e medre o amor pola lectura nos máis novos, ata converterse nunha árbore chea de palabras, imaxinación e soños.
Neste segundo trimestre contamos con tres grupos cheos de ilusión:
-
Un grupo de primeiro ciclo.
-
Dous grupos mesturados de segundo e terceiro ciclo.
Os máis pequenos están a gozar coa lectura de Conexión Macarrón, da autora Ledicia Costas, unha historia divertida e entrañable que está a dar moito xogo nas nosas xuntanzas.
Por outra banda, os maiores mergulláronse en Plan de rescate, de Antía Yáñez, unha lectura que nos fai reflexionar, comentar e compartir impresións en cada sesión.
“As Sementiñas” xa están plantadas. Agora toca seguir coidándoas entre todos e todas para que medren lectoras e lectores curiosos, críticos e apaixonados polos libros. 🌱📚
.jpg)
.jpg)
.jpg)

.jpg)